Unidas Podemos leva ao Ministerio as neglixencias ambientais da Xunta de Galicia na Enseada de San Simón

  • Gómez Reino: “As consecuencias da incompetencia da Xunta son nefastas para a biodiversidade da Enseada de San Simón, que conta cunha gran cantidade de especies que deberían estar amparadas por unhas medidas adaptadas ao seu ecosistema” 
  • Gómez Reino: “Feijóo prefire ignorar que a Comisión Europea sinale a súa desidia para a ampliación da Rede Natura e para salvagardar a riqueza paisaxística galega”

Mércores, 7 de xullo. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou este martes dúas preguntas no Congreso relativas ao incumprimento da Xunta na implementación dun plan de xestión da Enseada de San Simón, a desafección da mesma do dominio portuario e sobre as verteduras contaminantes por parte da empresa AUCOSA. 

A Zona Espacial de Conservación (ZEC) Enseada de San Simón forma parte da Rede Natura 2000, mais non conta cun Plan de xestión da súa conservación como rexe a normativa europea. A Comisión xa remitiu ao Goberno unha carta da infracción da Directiva de Hábitats por parte da Xunta de Galicia ao non poñer en marcha as figuras de protección ambiental pertinentes. “Feijóo prefire ignorar que a Comisión Europea sinale a súa desidia para a ampliación da Rede Natura e para salvagardar a riqueza paisaxística galega”, apuntou o deputado Antón Gómez Reino.

A pesar de que o último aviso de Europa se produciu o 2 de xullo, non hai ningún avance por parte do Goberno de Feijóo. A isto engádeselle o feito xa confirmado polo Ministerio a esta formación: son responsabilidade exclusiva da Xunta os incumprimentos en materia ambiental. E tamén, que Galicia é a comunidade autónoma con menor superficie protexida do Estado, un 11,97% fronte a un 27% de media.  

“As consecuencias da incompetencia da Xunta son nefastas para a biodiversidade da Enseada de San Simón, que conta cunha gran cantidade de especies que deberían estar amparadas por unhas medidas adaptadas ao seu ecosistema”, sinalou o deputado Gómez Reino. A iniciativa de Unidas Podemos pregunta tamén polas verteduras de augas residuais urbanas e industriais, unha situación que devén da obsolescencia e falta de capacidade das catro EDAR e da empresa AUCOSA. Á propagación destes residuos polos límites de capacidade súmaselle que o emisario submarino de AUCOSA continúa derramando verteduras de maneira periódica.

“Hai constancia destas verteduras na zona de produción de moluscos, pesca e cría de mexillón na ZEC Enseada de San Simón. Isto pode contraer un risco para as economías locais e para todas as familias que dependen da boa conversación destes ecosistemas”, sostivo Gómez Reino. 

Unha das demandas das confrarías de pescadores e asociacións que inclúe a proposta de Unidas Podemos é a paralización do proxecto para a construción dunha terceira terminal no Porto de Vigo, debido a que segundo a lei, prevalece a protección ambiental sobre a ordenación territorial e sería contraproducente para a Enseada de San Simón. Así mesmo, os documentos xa rexistrados no Congreso integran a petición dos concellos lindeiros á Enseada sobre a desafección do dominio portuario da ZEC e a inclusión do mesmo baixo a xurisdición do Ministerio para a Transición Ecolóxica. 

Podes ver aquí as nosas iniciativas.