Unidas Podemos denuncia ante a Comisión Europea que os plans eólicos de Feijóo poñen en perigo grandes superficies cun alto valor ambiental

Gómez Reino: “O Goberno de Feijóo xa suma varias condenas xudiciais por non avaliar correctamente os impactos ambientais”

Luns, 31 de maio. Unidas Podemos mantivo este luns en Gondomar unha xuntanza co Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) na que participaron telematicamente integrantes da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea para abordar a problemática dos eólicos no territorio galego. 

Ao encontro asistiu o deputado por Galicia en Común, Antón Gómez Reino, e a eurodeputada por Unidas Podemos Idioa Villanueva, que conduciu a reunión. Representantes do IEM denunciaron ante a Comisión Europea que os ritmos de destrucción do territorio son máis áxiles que os de protección dos que dispoñen as administracións.

Actualmente en Galicia hai varios proxectos de novos parques eólicos, como na Serra da Groba, que repartirían 44 aereoxeneradores afectando a catro concellos e facendo perigar o patrimonio natural e o desenvolvemento rural da zona. 

Na xuntanza tamén se abordou a escasa contribución de Galicia na Rede Natura na Unión Europea. A ampliación deste espazo protexido fíxose efectiva en marzo de 2012 e aínda non hai rexistro de aprobación desta extensión.

“A transición enerxética é algo indiscutible, pero ademais de verde, ten que ser xusta para a veciñanza. Apostamos por un modelo que favoreza o autoconsumo, a distribución e o desenvolvemento territorial”, sinalou Gómez Reino.