Unidas Podemos pide ao Ministerio un plan estratéxico para evitar a regresión do sistema litoral de Nigrán

  • A formación rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso e solicita datos e informacións concretas sobre o estado dos areais
  • Gómez Reino: “Vimos que os últimos temporais e tormentas prexudicaron gran parte do litoral de Nigrán e non podemos quedarnos de brazos cruzados ata que as praias desaparezan.”

Mércores, 21 de xullo. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia En Común preguntou, a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino, sobre a regresión litoral da praia de As Canas en Nigrán, así como das lindeiras que presentan un estado similar. 

A Praia de As Canas sofre un proceso de deterioro e perda do areal vinculado á regresión do sistema litoral que pode provocar a perda de defensa costeira, a desaparición de hábitats para a flora e fauna silvestres e a privación do seu uso público. 

O documento xa rexistrado no Congreso pide á Dirección Xeral da Costa e o Mar datos e informacións sobre o estado actual deste litoral, así como actuacións para evitar a regresión destes areais e a posibilidade de elaborar un plan estratéxico para a conservación das praias do municipio de Nigrán. 

“Vimos que os últimos temporais e tormentas prexudicaron gran parte do litoral de Nigrán e non podemos quedarnos de brazos cruzados ata que as praias desaparezan. As súas xentes teñen dereito a gozalas nun bo estado e as administracións teñen que velar pola conservación dos espazos naturais que as rodean”.

Podes ver aquí a nosa iniciativa.