Unidas Podemos pide no Congreso medidas para a restauración dos humidais da Lagoa de Antela, a Lagoa da Janda e Mar de Campos

“En todo o mundo os humidais seguen desaparecendo, vítimas do desenvolvemento urbano, agrícola e industrial, a sobreexplotación de recursos hídricos, a contaminación e a construción de presas.”

Venres, 30 de xullo. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos – En Comú Podem – Galicia en Común, rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que pide medidas para a restauración dos humidais da Lagoa de Antela, a Lagoa da Janda e Mar de Campos.

No texto, rexistrado polo deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, e o portavoz de Transición Ecolóxica de Unidas Podemos, e coordinador de Alianza Verde, Juantxo López de Uralde, lembran que “O pasado 2 de febreiro, Día Mundial dos Humidais, por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico anunciouse a restauración parcial de tres dos maiores humidais españois perdidos no pasado: Lagoa de Antela, Lagoa da Janda e Mar de Campos”. 

Por iso, desde Unidas Podemos reclaman ao MITECO que poña en marcha os proxectos de restauración dos humidais da Lagoa de Antela, a Lagoa da Janda e Mar de Campos. E tamén quixeron coñecer cales serán as intervencións previstas en cada un destes casos, así como a superficie obxecto de intervención en cada un deles. 

Os humidais son cruciais para a boa saúde do noso planeta, son cubertas de auga, temporal ou permanente, que se estende aproximadamente polo 6% da superficie terrestre. Dentro do seu enorme rango de formas e tamaños a función de todos os humidais é similar, xa que actúan como filtros naturais, purificando a auga e eliminando contaminantes, enchen os acuíferos dos que dependemos para beber, protexen a millóns de persoas das inundacións nos ríos e nas costas e son ademais fogar de biodiversidade. Son vitais para o benestar humano e para conseguir un desenvolvemento sostible, máis de 1000 millóns de persoas dependen hoxe dos humidais para vivir. 

Con todo, lamentaron que “En todo o mundo os humidais seguen desaparecendo, vítimas do desenvolvemento urbano, agrícola e industrial, a sobreexplotación de recursos hídricos, a contaminación e a construción de presas. Os ecosistemas de auga doce son os máis afectados pola perda de biodiversidade, as súas poboacións de vertebrados reducíronse un 81% entre 1970 e o 2012”. Por iso, sinalaron que consideran “necesario e urxente que se adopten medidas para promover a súa restauración”.

Podes descargar aquí a nosa iniciativa.