- “Unha fundación destas características non pode estar presidida por unha persoa imputada no maior escándalo de corrupción dun partido político no noso país”
- “ Cospedal debería asumir responsabilidades, colaborar coa Xustiza e deixar de valerse de institucións que están ao servizo da cidadanía malogrando a imaxe internacional do Estado Español, é o mínimo que podemos esixir”
Martes, 13 de xullo. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, presentou unha pregunta no Congreso a iniciativa de Antón Gómez Reino relativa á suspensión de María Dolores de Cospedal como vicepresidenta do Real Instituto Elcano tras ser imputada de delitos de suborno, malversación e tráfico de influencias na Operación Kitchen.
O pasado 2 de xuño, o xuíz Manuel García-Castelló imputou á exministra de Defensa, expresidenta de Castela a Mancha e ex secretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal na peza que investiga a espionaxe con fondos reservados ao antigo tesoureiro da formación Luís Bárcenas.
A pesar diso, Cospedal continúa sendo vicepresidenta do Real Instituto Elcano, un órgano de estudos internacionais que aborda a enerxía, a política, o cambio climático, economía, terrorismo internacional, a imaxe do Estado ou as migracións entre outros ámbitos, un centro de pensamento que equilibra intereses públicos e privados.
O documento xa rexistrado no Congreso insta o Goberno a iniciar as accións oportunas para a suspensión provisional ou definitiva de Cospedal. Gómez Reino considerou que “unha fundación destas características non pode estar presidida por unha persoa imputada no maior escándalo de corrupción dun partido político no noso país”.
“A corrupción do PP forma parte da súa maneira de gobernar, non é algo do pasado. As institucións non poden estar copadas de ex altos cargos do PP corruptos coma se nada, aínda que a eles lles resulte normal”, sinalou o deputado. “Cospedal debería asumir responsabilidades, colaborar coa Xustiza e deixar de valerse de institucións que están ao servizo da cidadanía malogrando a imaxe internacional do Estado Español, é o mínimo que podemos esixir”.