Unidas Podemos pide que se reforcen de inmediato as prazas de Renfe en Galicia ante o incremento da demanda

Unidas Podemos, a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino, rexistrou unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno para o reforzo das prazas e circulacións en tren en Galicia.

A alta demanda derivada polos bonos impulsados polo Goberno de coalición como resposta á crise enerxética provocou que os horarios e as prazas dos servizos de transporte ferroviario que se ofrecen se queden curtos. Renfe anunciou este reforzo e Unidas Podemos pregunta de que maneira se vai a levar a cabo e pide que sexa o antes posible. A formación, que xa preguntara ao Goberno se ía existir un reforzo tamén en materia de persoal, insiste en engadir novas circulacións e prazas para os trens madrugadores.  

“Moitas persoas non poden viaxar aos seus centros de traballo ou educativos porque os trens están completos, o que demostra que esta medida está a ter moi boa acollida entre as galegas, pero tamén que Renfe nestes momentos non oferta todo o que se necesita”, sinala Gómez Reino. “É unha cuestión que se ten que atallar antes de que comecen as clases nas universidades”.

“Sabemos que parte das frecuencias se quedaron anticuadas, hai liñas suspendidas pola pandemia que aínda non se recuperaron e isto sumado á falta de persoal e o abandono de moitas estacións en Galicia supón que a oferta ferroviaria non sexa útil para moitas persoas”, continúa.

Neste sentido, e como veñen apuntando organizacións como A Plataforma de Usuarios de Servicio Público de Media Distancia e Perder o Tren, Unidas Podemos pediu que se reforcen circulacións como ás 15:30 horas que parte da Coruña e conecta con Pontevedra e Vigo; a extensión do servizo das 8:00 nestas cidades e novas conexións desde Ourense e Lugo co resto de cidades.

“Estamos agardando a que se deseñen abonos e prezos alcanzables para as viaxeiras en Galicia e que se iguale co resto de territorios, é unha cuestión de dereitos das usuarias de Renfe e queremos que isto se consiga xa. É necesario un reforzo inmediato para que esta medida de tanto calado se desenvolva en toda a súa potencialidade”, alega Gómez Reino.

Mira aquí a iniciativa.