Gómez Reino: “A Xunta non pode ignorar o perigo que traen estas explotacións e que está demostrado por organismos internacionais”
O grupo parlamentario Unidas Podemos – En Común Podem – Galicia en Común vén de rexistrar unha iniciativa sobre a legalización e ampliación dunha granxa de visón americano no municipio de Carral (A Coruña), que pode supoñer un incremento notable de risco para a saúde pública.
O documento, asinado polos deputados Antón Gómez Reino e Juan López de Uralde, lembra que diversos organismos internacionais, como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Organización Mundial da Sanidade Animal (OIE), advirten do alto nivel de transmisibilidade da covid-19 entre mustélidos e persoas.
“A legalización das instalacións e a concesión de licencia para a súa ampliación, aínda en cumprimento coa legalidade vixente, supoñen un incremento notable do risco para a saúde pública, polo que se require intervención inmediata das administracións competentes para que isto non ocorra”, explica o documento.
Por todo isto, Unidas Podemos pregunta no Congreso se o Goberno ten constancia deste proxecto, actualmente en tramitación pola Xunta, e tamén, sobre se se prevé realizar algunha acción para evitar de maneira temporal ou definitiva a concesión de licencia para a ampliación destas instalacións.
Unidas Podemos xa rexistrara o 21 de abril unha iniciativa parlamentaria para paralizar de maneira temporal a actividade destas granxas polo risco para a saúde das persoas e para as economías locais, xa que en Galicia se atopan 24 das 26 explotacións agrarias de todo o Estado.
Pulsa aquí para ver a nosa iniciativa.