Unidas Podemos pregunta no Congreso por que non se executaron as obras orzamentadas fai dous anos da N-550 en Mos

• Gómez Reino: “Queremos coñecer o motivo polo cal estas obras tan necesarias para salvagardar aos usuarios da N-550 non se puxeron en marcha, a pesar de ser orzamentadas” 

Sábado, 10 de xullo. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, rexistrou unha pregunta no Congreso a iniciativa de Antón Gómez Reino para coñecer a causa da non licitación e execución do proxecto de remodelación da intersección da Estrada N-550 ao seu paso por Louredo, no municipio de Mos. 

Esta obra respondería a unha demanda veciñal de fai anos para permitir o xiro na estrada a Pombal, Pantaño e San Gregorio, así como cambios de sentido garantindo a seguridade desta vía. En maio de 2019, o Ministerio de Fomento remitiu este proxecto ao Concello de Mos e anunciouse unha dotación de 711.418,47 euros, IVE incluído. 

Ata a data, este plan nunca se chegou a executar de maneira que os problemas de seguridade continúan na actualidade, como denunciou a xestora “Afectados N-550”. Ademais, nesta zona xa se produciron varios accidentes de tráficos e ata tres mortes. Nos últimos incidentes tiveron que intervir equipos sanitarios con traslado aos hospitais pola gravidade dos feridos.

No documento xa rexistrado no Congreso, Unidas Podemos pregunta tamén polas previsións do Ministerio de Transportes sobre a execución deste proxecto, tanto en materia orzamentaria como de planificación temporal das obras.