Unidas Podemos presenta unha Proposición non de Lei para abordar a emerxencia humanitaria en Palestina

‘Seguimos moi preocupadas pola emerxencia humanitaria en Gaza. A comunidade internacional ten que traballar para que os DDHH se respecten e se deixen de quebrantar continuamente en Palestina’

Madrid, 21 de maio. O grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou este venres unha Proposición non de Lei relativa á emerxencia humanitaria en Gaza e a escalada de violencia en Cisxordania e Xerusalén, para ser debatida e aprobada na Comisión de Asuntos Exteriores. 

O documento foi asinado por deputadas de Unidas Podemos, a CUP, Más País, Compromís, ERC, BNG, EH Bildu, Nueva Canarias e Junts per Catalunya, no que celebran que o Goberno de Netanyahu e Hamás chegasen a un acordo de cesamento do fogo, para poñer fin a 11 días de destrución. Na iniciativa, os grupos esixen o mantemento desta tregua e instan ao Congreso a esixir responsabilidades ante os continuos ataques á poboación civil palestina.

«Vimos nos últimos días a importancia do traballo humanitario, Israel debe permitir a entrada de axuda para poder protexer á poboación», explicou hoxe o deputado de Galicia en Común e portavoz na comisión de Asuntos Exteriores, Antón Gómez Reino. 

Os grupos parlamentarios asinantes rexeitaron os desafiuzamentos de familias palestinas por parte de Israel e a profanación de lugares sacros como ocorreu con Al Apsa en Xerusalén. A PNL lembra ademais a Resolución 3236 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas do 22 de novembro de 1974, como «o dereito inalienable dos palestinos para regresar aos seus fogares e recuperar os seus bens onde queira que se atopen desprazados e desarraigados e pide o seu retorno». Os bombardeos provocaron a fuxida de preto de 60.000 persoas nas escolas da axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA).

«A comunidade internacional ten que traballar para que os dereitos humanos se respecten e se deixen de quebrantar continuamente en Palestina. Non pode haber máis mortes nin de israelís nin palestinos, a súa poboación merece vivir en paz e sen medo», sostivo hoxe Gómez Reino. 

Segundo os últimos datos, os bombardeos israelís causaron a morte de 230 palestinos, entre eles, 65 menores de idade, feriron a 1710 persoas e esnaquizaron máis de 130 edificios, entre eles redaccións de medios de comunicación palestinos, árabes e estadounidenses. Os foguetes lanzados desde a Franxa de Gaza provocaron a morte de 12 israelís, entre eles cinco menores de idade. Por todo isto, a PNL reza que «o diálogo pacífico entre Israel e Palestina no marco da legalidade internacional é a única solución posible».

Aquí podes ver a PNL.