Unidas Podemos presentará unha iniciativa para que as administracións públicas eviten que Siemens Gamesa peche a planta de As Somozas

  • Gómez Reino: “Hai que lembrar que a posta en marcha desta factoría levou como contrapartida a adxudicación de 760 megavatios en parques eólicos a Gamesa por parte da Xunta de Galicia”

Madrid, 5 de febreiro de 2020.- O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común ultima unha iniciativa parlamentaria para que as administracións públicas se impliquen de forma máis directa para evitar o proceso de peche das plantas de fabricación e reparación de palas de aeroxeradores de Somozas e Cuenca que a multinacional Siemens Gamesa puxo en marcha o pasado mes de xaneiro.

A proposta, asinada polos deputados Antón Gómez Reino e Enrique Santiago, destaca o intenso traballo sindical para aportar alternativas factibles que eviten máis peches, “sobre todo nunha comarca tan castigada laboral e industrialmente como Ferrolterra, tras décadas de abandono por parte dun goberno da Xunta cunha nula política industrial e co plácet dos gobernos centrais do Partido Popular”. 

En concreto, a proposición non de lei insta ao Goberno, entre outras cuestións, a que se poñan en marcha de inmediato “todas as accións precisas para favorecer o mantemento da actividade industrial en ditas plantas, no marco da colaboración institucional coas diferentes administracións territoriais”. A multinacional hispanoalemana pretende levar a cabo un despido colectivo que afectaría a un total de 266 profesionais das dúas factorías, “preocupando sobre todo o caso galego posto que o 82% do persoal despedido traballa na fábrica de Somozas”, indicou Gómez Reino.

“Hai que evitar por todos os medios que, a lo menos, 215 familias de Ferrolterra acaben na rúa” xa que a isto habería que sumarlle o impacto pola reestruturación nas oficinas corporativas, sen cuantificar pola empresa, así como un número considerable de postos de traballo indirectos. A proposición non de lei empraza tamén a “Siemens Gamesa, á representación dos traballadores e ás administracións implicadas a buscar solucións a calquera despedimento nas plantas de Somozas e Cuenca”.

O deputado galego pón de manifesto que “o que tamén nos preocupa é que se estean a producir peches nun sector como o das renovables, en expansión en todo o Estado grazas tamén ao impulso que dende o goberno de coalición se lle está a dar a este tipo de enerxía. Estamos a posicionarnos como un dos lugares máis atractivos para investir en renovables, sobre todo en Galicia, pero o que vemos por parte de Siemens Gamesa é deslocalización en Portugal e por parte da Xunta de Feijóo unha alfombra vermella para que o fagan”, indicou Gómez Reino. 

“Mentres”, continuou, “a pesar das perdas puntuais en 2020, Siemens Gamesa arroxou nos tres últimos anos beneficios netos e unha carteira total de pedidos que, ao mes de setembro, sobrepasaban os 30.000 millóns de euros”. O deputado tamén recordou que a posta en marcha desta factoría levou como contrapartida a adxudicación de 760 megavatios en parques eólicos a Gamesa por parte da Xunta de Galicia”. 

Finalmente, a iniciativa parlamentaria que se ultima insta tamén a “continuar realizando o seguimento de todas as situacións que afectan á industria española e que puideran derivar  nunha perda de actividade industrial e de emprego”.