Unidas Podemos propón a reforma da Lei de Montes para establecer a prohibición expresa de cambio do uso do chan

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos – En Común  Podem – Galicia en Común anunciou este martes que vai propoñer ao Goberno unha iniciativa para a reforma da Lei 21/2015 da lei de Montes.

Desde Unidas Podemos, criticaron que durante as maiorías absolutas do Partido Popular efectuouse unha durísima contrarreforma ambiental. Así, segundo critican, o Goberno do PP dedicouse “a revisar á baixa as leis de protección ambiental que existían no noso país para reducir a protección do medio ambiente e os recursos naturais, e facilitar e promover o negocio lucrativo duns poucos”. 

En concreto, lembraron que “Un dos aspectos máis criticados foi o referente á recualificación dos terreos calcinados polos incendios forestais. O PP reformou o contemplado na lexislación anterior, moito máis garantista posto que pechaba a posibilidade de construír nun terreo queimado antes de 30 anos. Así, introduciu un artigo, o 50.1, que abriu a posibilidade a que se permita a construción nun terreo forestal incendiado sen que pasasen 30 anos cando concorran razóns de interese público de primeira orde”. Deste xeito, lamentan desde o Grupo Confederal, o PP relaxou a protección ambiental dos montes ao permitir o cambio de uso antes de que se cumpran as tres décadas tras un incendio forestal. 

O portavoz de Galicia en Común no Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia engadiu que «Estas excepcións deixan unha porta aberta á especulación inmobiliaria nos espazos naturais e temos que eliminalas. Hai que acabar con esta anomalía. Non se poden dar motivos aos especuladores para que incendien Galicia, onde a situación é crítica co aumento de lumes, nun contexto marcado polo abandono do rural e dos montes. O PP de Aznar converteu España nun verxel para as construtoras coa modificacións da Lei do Solo e A Lei de Montes. Eliminar estas excepcións significa protexer os nosos montes fronte aos intereses privados e poñer en valor os espazos naturais». 

Pola sua banda, o portavoz de Transición Ecolóxica de Unidas Podemos no Congreso e coordinador de Alianza Verde,  Juantxo López de Uralde sinalou que “As causas detrás dos incendios forestais provocados sabemos que son diversas, pero sen dúbida hai que minimizar as opcións para quen vexa no incendio forestal unha posibilidade de negocio”.

Para Unidas Podemos, as desoladoras imaxes dos incendios que calcinaron Sierra Bermeja deben servir para concienciar sobre a necesidade de contar con lexislacións que teñan por obxectivo alcanzar as cotas máis altas de protección ambiental para os nosos montes, previr os incendios forestais, impulsar políticas de protección da biodiversidade, así como de creación de riqueza no medio natural.