Unidas Podemos propón axudas directas para cubrir os gastos fixos de 21.000 establecementos hostaleiros e 48.000 pequenos comercios galegos

  • O Grupo Parlamentario remitiu este venres dúas cartas ao ministerio de Industria, Comercio e Turismo e ao ministerio de Economía propoñendo ás titulares de ambas carteiras medidas de apoio para garantir a solvencia do sector hostaleiro, un dos máis directamente afectados polas restriccións

Madrid, 12 de febreiro de 2021.- O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de remitir dúas cartas aos ministerios de Industria e Economía nas que solicitan ás súas titulares axudas directas ao sector da hostalería. O escenario que se abre no primeiro semestre de 2021 aínda está suxeito a unha enorme incerteza sobre a evolución da pandemia e as condicións sociosanitarias, cuxo comportamento determinará en gran medida a conxuntura económica nacional e internacional e o problema asociado á crise de liquidez actual pode converterse a curto prazo nun grave problema de solvencia a nivel xeneralizado.

Desde o grupo confederal celebran as políticas levadas a cabo polo Goberno de coalición pero cualifícanas de «respiración asistida» xa que, aseguran, non frean o endebedamento das pemes e persoas traballadoras autónomas. Por iso, desde Unidas Podemos instan a deseñar e pór en marcha un plan ambicioso de axudas directas, máis se cabe tendo en conta a importancia económica e social do sector da hostalaría, o pequeno comercio e outros sectores afectados polas restricións no conxunto do Estado. 

Unidas Podemos, desta maneira, propuxo ás titulares de Industria e Economía, Reyes Maroto e Nadia Calviño respectivamente, a posta en marcha dun plan de axudas directas en coordinación coas Comunidades Autónomas a pemes e autónomos/as que acrediten unha situación de especial fraxilidade. As axudas directas, que terán carácter retroactivo dende o inicio da pandemia e prolongaranse até fin de ano, deben ser de carácter mensual e cunha tramitación áxil. Este plan de axudas directas debe deseñarse en coordinación coas Comunidades Autónomas, e para iso crearase un Fondo Mixto cunha dotación inicial de 8.000 millóns de euros con dous tramos, un estatal e outro autonómico, de 4.000 millóns respectivamente. As axudas directas para aquelas empresas de menos de 50 traballadores outorgaranse a aquelas que acrediten unha caída do 30% no volume de facturación con respecto ao mesmo mes de 2019 e recibirán unha axuda extraordinaria para cubrir o 75% dos custos fixos nos que estean a incorrer, descontando aqueles custos fixos que fosen sufragados por outras axudas. Se falamos de micropemes, que son a maioría destes negocios, a porcentaxe elevarase ao 90%. 

No caso concreto de Galicia, estas medidas poderían beneficiar aos 21.000 establecementos hostaleiros e a 48.000 autónomos dedicados ao pequeno comercio, ademais das aproximadamente 235.000 persoas empregadas nestes negocios.

O deputado galego, Antón Gómez Reino, cualificou esta proposta de «moi necesaria para que o sector hostaleiro galego reciba un balón de oxíxeno que lle permita aplanar a curva das perdas económicas que están a sufrir no país tras varios meses de peches e de medidas restritivas tomadas polo goberno de Feijóo». Gómez Reino instou ao presidente da Xunta a «ser máis ambicioso coas axudas á hostalería e, sobre todo, máis áxil no seu pagamento» pedíndolle tamén «menos improvisación á hora de decretalas, xa que non é de recibo que o sector hostaleiro galego se entere de se poden ou non abrir e en que condicións tan só uns minutos antes de que o DOG coas restriccións entre en vigor».

Ademais, Unidas Podemos propuxo tamén a moratoria por parte da banca de obrigacións financeiras por préstamos, arrendamentos financeiros e outros produtos bancarios vinculados á actividade de pemes e autónomos/as e medidas dirixidas a loitar contra a morosidade nos pagos que moitas grandes empresas deben a pemes e a persoas traballadoras autónomas.