- A proposta inclúe un Plan Estatal de Vivenda que permita que concellos, comunidades e entidades sociais poidan adquirir vivendas para destinar a aluguer social
- Gómez Reino: “É inadmisible que no ano 2019 o goberno do señor Feijóo tan só construira 4 vivendas públicas”
Madrid, 25 de marzo de 2021.- A Comisión de Transportes do Congreso debatirá esta tarde unha Proposición non de lei do Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común que ten como finalidade impulsar medidas para ampliar o parque público de vivendas en aluguer co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda tanto nos entornos urbanos como rurais.
A iniciativa que se someterá a debate propón aumentar o gasto público de vivenda para equiparar o Estado á media europea, cuxos recursos irían destinados a ampliar o parque público de aluguer. Nese sentido o deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, lembra que “o Observatorio Housing Europe corrobora que o parque de vivenda social en España se atopa máis de 6 puntos por debaixo da media dos países da Unión Europea, que gozan dun parque de vivenda social que se sitúa ao redor do 9% fronte ao 2,5% de España”.
Por iso, o Grupo Parlamentario propón na Proposición non de Lei presentada que o parque público de vivenda estatal conte cun mínimo de 2,5 millóns de inmobles fronte aos 452.000 cos que conta actualmente para poder chegar ao 10% do total de vivenda que hai no conxunto do Estado. “A próxima lei de vivenda ten que establecer criterios para evitar que se xeren procesos especulativos como os que levamos vivindo nas últimas décadas, previos á crise da COVID19, e que tensionan os mercados en moitas cidades galegas, sobre todo aquelas onde se produciu unha gran turistificación que tivo como consecuencia a expulsión dos nosos veciños e veciñas dos centros da cidade”, sinalou Gómez Reino.
Segundo os datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, en Galicia hai máis de 18.500 vivendas baleiras, unha cifra que dobra o parque de vivenda social co que conta o goberno autonómico. Nesa liña é significativo que o Estado español acumule o 30% das vivendas baleiras de Europa, segundo os datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística.
Esta proposta súmase á posición de Unidas Podemos na que se aposta por regular e limitar o prezo do aluguer, sobre todo nas zonas máis tensionadas para que “non teñamos que destinar nalgunhas ocasións ata o 50% ou máis do salario no pago do aluguer dunha vivenda que ademais, en moitos casos, nin sequera conta con mínimos de habitabilidade”.