- Gómez Reino defenderá esta tarde na Comisión de Agricultura unha emenda á Proposición Non de Lei para promover a implantación da economía circular na alimentación
Madrid, 17 de febreiro de 2021.- O voceiro de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común na Comisión de Agricultura, Antón Gómez Reino, levará esta tarde á Comisión unha emenda rexistrada polo grupo parlamentario que busca «favorecer a compra pública de alimentos de proximidade e con criterios ecolóxicos para potenciar a agricultura como un puntal de desenvolvemento rural».
Trátase dunha mellora da Proposición Non de Lei para promover a implantación da economía circular na alimentación que «apoiará a incorporación de criterios ecolóxicos na contratación, así como a compra pública de alimentos de proximidade». De conseguir os apoios parlamentarios suficientes, esta emenda suporía modificar a lei de contratos do sector público co obxectivo de favorecer a compra pública de alimentos de proximidade por parte da Administración General del Estado, pero tamén das Comunidades Autónomas e das corporacións locais».
Gómez Reino entende que esta proposta «mellora substancialmente a PNL presentada polo grupo socialista e permitirá que os produtos alimentarios de proximidade e con certificación ecolóxica poidan ser priorizados nas compras públicas. Por exemplo, unha administración local en Galicia que queira contratar o servizo de comedor escolar podería puntuar máis a unha empresa que adquire os produtos a agricultores locais que aquelas que os traen en camión desde 200 km de distancia substituíndo a presenza de “petro-alimentos” nas nosas dietas pola de produtos de quilómetro 0, frescos e saudables».
O deputado entende que esta emenda terá tamén un impacto moi positivo na economía xa que «o consumo de produtos de proximidade xera importantes beneficios para o pequeno e mediano comercio, moi perxudicado pola crise», ademais de favorecer o medio rural «impulsando a actividade económica e con iso a vitalidade demográfica».