Unidas Podemos reitera o seu “compromiso inquebrantable” coa prohibición da venda a perdas no campo

  • Antón Gómez Reino pechará a xornada sobre a Lei de Cadea Alimentaria celebrada este venres no Congreso, que terá un impacto moi relevante en Galicia

Venres, 18 de xuño. Unidas Podemos reiterou este venres o seu “compromiso inquebrantable” coa prohibición da venda a perdas no campo e o establecemento de prezos mínimos baseados nos costes de produción, aspectos que están enmarcados na Lei de Cadea Alimentaria que actualmente está en tramitación no Congreso dos Deputados.

Este compromiso recalcouse durante a celebración dunhas xornadas sobre a Lei de Cadea Alimentaria organizadas polo grupo parlamentario no Congreso. En Galicia, esta nova lei terá un impacto moi relevante, onde o sector primario aporta un 4,5% do PIB da comunidade, xerando cerca de 70.000 postos de traballo e 40.000 empresas e autónomos. 

Polo tanto, as más beneficiadas serán as pequenas e medianas explotacións agrícolas e gandeiras, as máis numerosas en Galicia, que teñen menor poder de negociación coas grandes cadeas de comercialización. O resultado será moi positivo para as principais industrias galegas, como a explotación láctea e cárnica, e a industria conserveira ou a distribución alimentaria.

O deputado Antón Gómez Reino, que é portavoz na Comisión de Agricultura, pechará a xornada xunto con Isa Franco e Enrique Santiago. 

“Somos moi conscientes do problema da venda a perdas e é unha obriga para nós protexer o sector primario que tanto emprego e riqueza xeran no país. Debemos facer políticas para protexer a economía familiar, poñernos do lado dos agricultores e gandeiros e fortalecer e potenciar o sector. Esta Lei é un avance cara un modelo máis xusto en todos os niveis da cadea alimentaria, onde os productores, que son unha parte esencial, actualmente saen prexudicados”, sinalou o deputado.