Unidas Podemos solicita un informe de fiscalización dos contratos a dedo de Feijóo a grupos de comunicación como presidente en funcións

O Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común solicitou á Comisión Mixta para as súas relacións co Tribunal de Contas a realización dun informe de fiscalización dos contratos a dedo de Alberto Núñez Feijóo a grupos de comunicación estatais cando xa renunciara como presidente da Xunta de Galicia e preparaba a súa chegada á dirección do Partido Popular. 

Desde que Feijóo renuncia como presidente o 30 de abril de 2022 e ata que se nomea o novo Goberno de Galicia, o 14 de maio, a Xunta outorgou decenas de adxudicacións públicas, entre elas, licitacións para publicidade institucional que contraveñen a normativa vixente. Unidas Podemos baséase na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e concretamente no seu artigo 50 sobre a Actuación do Goberno da Xunta en funcións. Este punto recolle que o presidente en funcións non poderá “adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente” nin “adxudicar contratos que teñan vixencia plurianual e, en todo caso, aqueles cuxa estimación económica supere a contía de 150.000 euros.” 

Neste sentido, a Xunta adxudicou 200.000 euros ao grupo VOCENTO; 300.000 euros a Radio Popular S.A.; 200.000 euros ao grupo PRISA; 300.000 euros a Audiovisual Española 2000 e 200.000 euros a Unidade Editorial. Ademais, Unidas Podemos denunciou que esta convocatoria non respecta os requisitos de transparencia e equidade dunha convocatoria pública aberta debido a que foron tramitados polo procedemento negociado sen publicidade por exclusión, o que tamén incumpriría a normativa actual. 

O deputado de Unidas Podemos Antón Gómez Reino alegou que “Feijóo preparou a súa chegada a Madrid á custa dos cartos dos galegos e as galegas”. “Estes feitos non nos estrañan xa que durante os seus trece anos de mandato regou con grandes cantidades de diñeiro aos medios de comunicación coa escusa de promover a lingua galega, con todo, os medios que reciben as maiores cantidades non escriben practicamente en galego”, sostén. “Foron dedazos e esperamos que o informe do Tribunal de Contas aclare se Feijóo se saltou a lei para seguir maquillando a súa imaxe de bo xestor”.