O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados sobre o anteproxecto da pasarela na Ría do Burgo cuxa licitación a Xunta de Galicia anunciou para o mes de maio.
A formación alegou que este proxecto para a conectividade peonil e ciclista entre o barrio das Xubias e o areal da praia de Santa Cristina “carece dunha visión e dun plan integral de actuacións pola mobilidade na comarca e non conta co resto de administracións afectadas”.
Neste sentido, o deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, apela ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) xa que este tramo do bordo litoral que conserva unha grande riqueza medioambiental, é de domino público estatal. Gómez Reino solicita un informe preceptivo da Demarcación de Costas sobre o proxecto, polo seu impacto nunha zona de dominio público».
O coordinador de Galicia en Común no Congreso dos Deputados e exconcelleiro de rexeneración urbana do Concello da Coruña, Xiao Varela, considera que este proxecto “choca cos obxectivos dos fondos Next Generation”. “A proposta de Feijóo é un erro, non se pode garantir unha convivencia segura entre os peóns e as bicicletas, o catálogo de impactos ambientais que pode causar na ría e amplo e ademais, a Xunta anuncia que a obra vai saír a concurso público sen diálogo coas administracións locais e a sociedade coruñesa”.
A iniciativa xa rexistrada no Congreso, pide ao MITECO un estudo de alternativas que avalíe os diferentes emprazamentos posibles para non afectar de maneira negativa á paisaxe e ao ecosistema dunar e ao bordo litoral, de gran riqueza ambiental. “Por suposto que hai que mellorar a conectividade e a mobilidade na ría do Burgo, pero hai que traballar en consonancia cos diferentes axentes territoriais e sectoriais e deseñar un plan que respecte a ría e atenda de verdade ás necesidades dos e das coruñesas”, sinala Gómez Reino.
Podes ver aquí a nosa iniciativa