- A formación xa presentara en abril unha PNL para paralizar a actividade destas granxas mentres dure a situación de crise sanitaria
- Gómez Reino: “Á vez que se rexistran novos contaxios neste tipo de explotacións a Xunta tramita a ampliación dunha granxa en Carral, ignorando o risco que supón para a saúde das persoas”
Martes, 29 de xuño. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, rexistrou este martes no Congreso outra iniciativa parlamentaria para instar ao Goberno á suspensión temporal da actividade de cría de visón americano en todo o territorio estatal por motivos de saúde pública.
Nos últimos días a Xunta comunicou catro novos brotes de coronavirus, dous en Bergondo, un en Santiago e un na Baña. Estes súmanse a outros brotes previamente rexistrados en varias explotacións de Santiago, A Baña e Carral, tamén en Puebla de Valverde (Teruel) e Navatalgordo (Ávila).
O documento foi asinado polos deputados Antón Gómez Reino e Juan López de Uralde e lembran no mesmo que xa foron varios organismos internacionais, como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Organización Mundial da Sanidade Animal (OIE), os que advertiron do alto nivel de transmisión da covid entre mustélidos e persoas. De feito, no Consello Europeo de Agricultura e Pesca deste luns, países como Italia, Francia e Alemaña apoiaron a proposta de Países Baixos e Austria para rematar coas granxas peleteiras.
“A alta incidencia epidemiolóxica destas granxas pon en perigo ás economías locais e debemos actuar rápido, reforzando a seguridade para o cadro de persoal destas explotacións e das poboacións de ao redor”, apuntou Gómez Reino.
En Galicia atópanse 24 das 26 explotacións agrarias de todo o Estado e segundo a plataforma animalistaFondo Mundial para a Natureza (WWF) unha de cada catro granxas de visóns americanos rexistraron brotes de coronavirus. Estes episodios ocasionan un importe gasto público para as administracións debido á realización de probas, sacrificio de animais ou labores de desinfección.
Este martes o deputado Gómez Reino lembrou o proxecto de ampliación dunha granxa de visóns no municipio de Carral actualmente en tramitación pola Xunta, unha actuación sobre a que tamén preguntou no Congreso. “Á vez que se rexistran novos contaxios neste tipo de explotacións a Xunta tramita a ampliación dunha granxa en Carral, ignorando o risco que supón para a saúde das persoas”, sinalou.