Yolanda Díaz defende nas Pontes a posta en marcha de proxectos industriais para a comarca cunha transición enerxética xusta

A deputada tamén visitou aos transportistas do carbón, que se atopan pechados no Concello para protestar pola situación.

Audio: https://bit.ly/2DraToT

As Pontes, 29 de novembro de 2019. A deputada de Galicia en Común, Yolanda Díaz, visitou este venres a central de As Pontes e asegurou que estamos diante de grandes retos para a transición enerxética.

«É imprescindible para as nosas propias vidas. A transición enerxética debe de ser xusta, pero isto non pode significar un proceso de maior desemprego nas comarcas afectadas», denunciou a deputada.

A nosa proposta é que, por cada posto de traballo que saia dun lado, «ten que haber outro» porque «non podemos deixar comarcas como a das Pontes absolutamente baleiradas e sen futuro».

Díaz explicou que é necesario redimensionar desde o público o futuro destas comarcas, porque «é certo que non perigan os postos de traballo directos, pero os indirectos si».

«Hai un montón de colectivos, como os transportistas, que son centos de traballadores que se van ver afectados», explicou a deputada, que tamén visitou transportistas do carbón, que se atopan pechados no Concello para protestar pola situación.

A deputada sinala que «hai que facer unha proposta clara, como xa fixemos na xuntanza co comité de crise, e o seguimos defendendo para esta comarca, para as Pontes, para ter unha saída que permita ter futuro».

Respecto do Real Decreto ratificado na Deputación Permanente pasada, Yolanda Díaz sinalou que vai abrir unha vía para desenvolver proxectos, pero hai que abrir a proxectos industriais para a comarca.

«Estamos negociando o programa, por tanto imos ver o resultado. A nosa posición é firme no que atinxe á reindustrialización das comarcas empobrecidas e do país. Non temos futuro en Europa sen propostas dende o público claras para a abordaxe da transición enerxética e da reindustrialización de todo o país», sentenciou.