Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino prometen o cargo para cumprir co mandato da cidadanía galega

Audio: https://youtu.be/EDOBiRRyEII

Madrid, 21 de maio de 2019. Os deputados de En Común Unidas Podemos, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, prometeron este martes o cargo «para cumprir co mandato da cidadanía galega, da democracia e dos dereitos sociais» citando a coñecida estrofa do Grândola Vila Morena: «O povo é quem mais ordena».

Yolanda Díaz lembrou en declaracións aos medios que hoxe comezamos unha nova lexislatura, «onde traballaremos para representar as demandas da cidadanía de Galicia».

«Temos que abordar os problemas reais do noso país, na pasada lexislatura non se acadou este obxectivo. Traballaremos para defender os dereitos do pobo galego», afirmou a deputada.

Pola súa banda, Antón Gómez-Reino sinalou que «igual que hai un espazo maioritario no lexislativo, que representa a un país avanzado e democrático, é fundamental que no Executivo esta fotografía se consolide. Imos traballar por isto nas vindeiras semanas e no conxunto da lexislatura».